Texto del documento
FILOSOFÍA CONTEMPORÁNEA ESTÁNDAR PROBAS PAU MARX - Alienación e ideoloxía en Marx. KARL MARX CONTEXTO HISTÓRICO O marxismo de Marx e Engels sitúase historicamente na época do apoxeo do capitalismo industrial de libre competencia (aproximadamente de 1830 a 1870), que é o período máis salvaxe do seu desenvolvemento. Esta época supón a difusión da revolución industrial inglesa por outros países de Europa, sobre todo Francia e Alemania, e polos Estados Unidos de América, coa consolidación do capitalismo a escala mundial. Este ascenso do capitalismo leva consigo un proceso de cambio na estrutura social.
O desenvolvemento industrial trae consigo a proletarización de enormes masas de asalariados, que se concentran nas grandes cidades industriais. Esta nova clase obreira vese reducida a condicións de extrema explotación nas minas e nas fábricas, soportando situacións inhumanas de traballo que afectaban tamén ás mulleres e aos nenos. Este novo sistema producía grandes beneficios e riquezas para os burgueses, donos dos medios de produción, pero ao mesmo tempo miseria material e espiritual para os traballadores. Esta clase proletaria explotada irase organizando ao longo do século XIX nun movemento obreiro consistente, dirixido e apoiado por intelectuais radicais.
Tanto Marx como Engels pretenden, co seu socialismo científico, dar unha resposta válida ao gran problema social desencadeado pola revolución industrial. VIDA E OBRA Karl Marx naceu en Tréveris (Alemania), no seo dunha familia xudía acomodada, en 1818. En 1835 ingresa na Universidade de Bonn para cursar estudos de Dereito. O ano seguinte trasládase á Universidade de Berlín, onde abandona axiña o Dereito para dedicarse intensamente á filosofía e á historia. Aquí entra en contacto co círculo da "Esquerda hegeliana", do que recibirá influenza. Rematados os estudos universitarios, ve frustrados os desexos de conseguir unha cátedra en Bonn e vese obrigado a dedicarse ao xornalismo.
Colabora na Gaceta Renana, da que chegará a ser redactor- xefe. Despois de casado con Jenny von Westphalen, emigra a París a finais de 1843. En París toma contacto cos socialistas franceses e ten encontros con Proudhon e Bakunin, líderes do movemento obreiro, aos que máis tarde criticará duramente. Tamén se atopa aquí con F. Engels, grazas ao cal descobre a importancia da ciencia económica e con quen manterá unha amizade e colaboración definitiva. Expulsado de Francia, en 1845 marcha a Bruxelas. En 1847 afíliase, xunto con Engels, á Liga dos Comunistas. En 1849 exíliase á Londres, onde residirá o resto da súa vida.
A familia de Marx pasará aquí enormes calamidades económicas e vai saíndo adiante grazas ás continuas axudas de Engels. En Londres realiza Marx intensos estudos de economía.Aparte do seu labor teórico Marx realizou unha continua actividade política de organización do movemento obreiro. O 14 de marzo de 1883, abatido pola enfermidade e polos excesos de traballo, aparece morto sentado á mesa do seu estudo.
As obras principais son as seguintes: Introdución á Crítica da Filosofía do Dereito de Hegel (1843), Manuscritos económicos e filosóficos (1844), Teses sobre Feuerbach, A ideoloxía alemá (1845), en colaboración con Engels, A miseria da Filosofía (1847), o Manifesto do Partido Comunista (1848), en colaboración con Engels, Contribución á Crítica da Economía Política (1859) e O Capital (1867). INFLUENCIAS SOBRE MARX A) HEGEL: recibe del os conceptos de dialéctica, alienación, devir histórico, análise do concreto e o estudio das condicións reais da historia para provocar un cambio.
B) ESQUERDA HEGELIANA: Feuerbach, sobre todo, de quen recibe o concepto de análise da realidade, na que destaca sobre todo a "alienación relixiosa". C) ECONOMÍA POLÍTICA INGLESA: os principais representantes son Adam Smith e David Ricardo. Nestes teóricos da economía predomina o interese individual, que intentan harmonizar co interese colectivo, xa que o individuo, ó buscar o seu propio interese, favorece o ben público. Marx criticouno sobre todo na súa obra O Capital, creando un novo sistema de economía que defendía os intereses da clase obreira. D) SOCIALISMO FRANCÉS: Proudhon, Fourier, Saint Simon.
Marx e Engels calificárono de "utópico" por basearse en postulados morais de reforma social sen facer unha análise pormenorizada da sociedade. Como non hai unha análise obxectiva, tampouco se poñen os medios necesarios para transformar dita realidade. A este socialismo Marx e Engels opuxéronlle o seu "socialismo científico", que fundamentaba a revolución e a sociedade socialista no análise científico da historia. Xa que o propósito último de Marx é transformar a sociedade, podemos dicir que o característico da súa filosofía reside na articulación de dous niveis distintos: – Un nivel teórico, de coñecemento "científico" da realidade social (materialismo histórico).
– E un nivel práctico, en canto programa político de transformación desa realidade. Esta fusión de ciencia e revolución queda patente na famosa tese XI sobre Feuerbach , "Os filósofos limitáronse a interpretar o mundo; do que se trata é de transformalo". TEORÍA DA ESENCIA HUMANA Marx o tratar de definir ó home, sempre o pon en relación con outras realidades; con Deus, coa natureza, coa historia, coa sociedade. Así Marx considera ó ser humano como: (1) SER NATURAL ACTIVO: o ser humano nunca está á marxe da natureza; a natureza e o ser humano son una unidade íntima.
O ser humano necesita da natureza para poder subsistir e mantén con ela unha relación esencialmente activa por medio do TRABALLO que é o que diferencia ó home do animal: - Animal: produce de xeito unilateral e limitado. - Ser humano: produce de xeito universal e ilimitado; de forma creativa, libre e consciente. Para Marx a producción material é a actividade esencial do ser humano. Fronte ó que pensaban Platón, Descartes, Hegel, que destacaban a actividade espiritual. (2) SER SOCIAL: o traballo trae consigo a relación do ser humano coa natureza, pero tamén relación coa sociedade.
O traballo defínese polas "relacións sociais" o que comporta que a "esencia humana" se identifique co conxunto de relacións sociais. (3) SER HISTÓRICO: o ser humano non só produce obxectos senón que se produce a si mesmo como home ó largo da Historia, en consecuencia, non existe para Marx unha esencia humana inalterable ó longo da historia. AALIENACIÓN (IMPORTANTE) Marx herda o concepto de alienación de Hegel e de Feuerbach, pero dálle unha nova interpretación. O fenómeno da alienación (do latín alienus: alleo) significa en xeral que os produtos da actividade humana, sexa esta material ou espiritual, se converten en forzas superiores autónomas e independentes que dominan ao ser humano.
Así o suxeito humano, libre e creador, pasa a ser dominado e escravizado polos obxectos creados por el. A alienación ten, pois, un sentido negativo de deshumanización, escravización e perda de liberdade. A alienación básica e fundamental é, para Marx, a do traballo alienado, é dicir, a alienación económica. Esta alienación ten lugar no proceso de traballo dentro da sociedade capitalista. É no traballo onde o ser humano, en principio, debería realizarse como ser humano; mais nas condicións de traballo asalariado sucede exactamente todo o contrario. Por que o traballo aliena ao ser humano? A resposta está nas condición reais nas que se da o traballo do proletariado.
O traballo alienado comporta catro aspectos: (a) Con respecto ó produto de traballo, porque cando este foi creado, vese privado del. O obxecto creado convertese no capital para outros, aparecendo o traballador coma un obxecto alleo e ó mesmo tempo coma un inimigo ó pasar a ser o instrumento de explotación da súa forza de traballo. (b) Con respecto á propia actividade produtiva; ó ser o traballo apropiable por outro, o traballador encóntrase estraño nel. O traballo na sociedade capitalista é medio de subsistencia; o obreiro vese forzado a el, converténdose así o traballo na negación da esencia humana: négaa en vez de afirmala.
Para Marx o propiamente humano é o traballo, este é o que o define e non o pensamento, como din os idealistas. Pois ben, sendo o traballo o máis propio do home, sen embargo, dáse un estraño paradoxo e é que o home encóntrase a desgusto en el, e só se encontra a gusto no propiamente animal (comer, durmir, etc.): o animal convertese no humano e o humano no animal. (c) Con respecto á natureza: o ser humano exerce o seu traballo sobre a natureza e cando se lle quita o produto do seu traballo, é a natureza enteira a que deixa de ser súa; é a natureza enteira a que cobra para o home figura inimiga.
Na sociedade capitalista, ó serlle arrebatado ó home o produto do seu traballo, o traballador vese apartado da natureza, non a reproduce de forma verdadeiramente humana e, consecuentemente, non se realiza nela. (d) Con respecto a outros seres humanos: o ser humano a diferencia doutros animais é capaz de traballar solidariamente, pero as relacións humanas están tamén alienadas porque na sociedade burguesa os homes polarízanse en dous grandes grupos, diferentes e directamente opostos: explotadores e explotados; dominando relacións mercantís e de competencia, facendo a cada home inimigo dos demais. Marx conclúe que a propiedade privada é a consecuencia do traballo alienado.
Só, polo tanto, a súa supresión permite a eliminación de todo tipo de alienación e simultaneamente, a desaparición do traballo alienado tamén o será da propiedade privada, esta é a finalidade do comunismo.Mais a alienación non se da só no ámbito da actividade produtiva, do traballo. Da alienación económica, estrutural e radical na sociedade capitalista, derivan outras formas de alienación: Alienación relixiosa, Marx acepta a tese básica de Feuerbach: é o ser humano quen crea a Deus e á relixión, e non ao contrario. Pero Marx vai máis alá de Feuerbach, afirmando que a alienación relixiosa é só un fenómeno derivado, reflexo da miseria económica e social.
Se a relixión é a realización fantástica da esencia humana no mundo do máis alá e pon flores imaxinarias nas cadeas da explotación do proletariado, é porque se busca consolo imaxinario ás miserias e opresións económicas do máis acá. Este é o contido da famosa frase de Marx "a relixión é o opio do pobo". Alienación socio-política: O ser humano na sociedade capitalista está alienado porque se encontra dividido en dúas esferas: - Sociedade civil (persoa privada), sería o mundo económico no que as perspectivas privadas están dominadas por intereses. - Estado (persoa pública), sería a vida política, a do cidadán abstracto do Estado.
A función que desempeña aquí o Estado é a mesma que Deus na relixión. A alienación relixiosa e a alienación política son formas de alienación ideolóxica. Nesta o traballador pensa que, como o capitalista posúe lexitimamente os medios de produción (fábricas, instrumentos, máquinas, materias primas...), ten unha pretensión ou un dereito fundado para apropiarse dunha parte do seu traballo, dunha parte da súa actividade, dunha parte da súa vida. O capitalista tamén o pensa así. A ideoloxía é unha alienación da conciencia e afecta tanto á clase dominante como á clase dominada.
A superación da alienación terá lugar cun novo tipo de sociedade, a sociedade comunista, que eliminará a sociedade de clases e o carácter privado dos medios de produción.Atransformación social só será posible grazas a revolución proletaria. MARX (texto 1) Manuscritos económico-filosóficos de 1844 En que consiste, pois, a alienación do traballo? Primeiro, en que o traballo é externo ao traballador, é dicir, que non pertence á súa esencia, que, por iso, o traballador non se afirma no seu traballo, senón que se nega, non se sente ben, senón infeliz, non desenvolve unha enerxía física e espiritual, senón que mortifica o seu corpo e estraga o seu espírito.
De aí que o traballador só se sinta consigo mesmo fóra do traballo e no traballo fóra de si. "No seu" está cando non traballa e cando traballa non está "no seu". O seu traballo non é, pois, voluntario, senón obrigado, traballo forzado. Non é daquela a satisfacción dunha necesidade, senón só un medio para satisfacer necesidades alleas. O seu carácter estraño saliéntase nidio en que en canto non hai unha constrición física ou de calquera outra índole, fóxese do traballo como da peste. O traballo externo, o traballo no que o home se allea, é un traballo de autoinmolación, de mortificación.
Finalmente a exterioridade do traballo para o traballador maniféstase en que non é o seu propio traballo, senón o doutro, en que non lle pertence, en que no traballo non se pertence a si mesmo, senón a outro. Así como na relixión a actividade espontánea da fantasía humana, do cerebro e do corazón humanos, esta actúa independentemente do individuo, é dicir, é para el coma efecto dunha acción divina ou demoníaca; así a actividade do traballador non é actividade de seu; pertence a outro, é a perda de si mesmo.
MARX: Manuscritos económico-filosóficos de 1844, Primeiro manuscrito, XXIII Tema do texto 1: O texto fala da alienación do traballo (en concreto céntrase na alienación respecto á actividade produtiva). O traballo debería desenvolver as nosas capacidades e realizarnos, pero convértese en "traballo forzado" que impide que nos realicemos plenamente. É un simple medio de subsistencia e a realización queda relegada o "tempo libre" pero nas condicións que impón o capitalismo nin sequera dispomos en realidade dese tempo.
Compara a alienación do traballo coa relixiosa no sentido de que da mesma forma que en deus se constitúe nunha realidade independente de nos, así o traballo deixa de ser noso e se constitúe nunha realidade independente que pertence a outro (o patrón). A nosa actividade, cuxa propiedade nos definía, non nos pertence, isto significa a perda de nos mesmos. O MATERIALISMO HISTÓRICO (Importante). A concepción materalista da historia recibe o nome de materialismo histórico. Marx, en colaboración con Engels, fixo un primeiro esbozo desta teoría na obra A Ideoloxía alemá, na que afirma que non son as ideas as que dirixen a historia, senón a produción material.
Non é a vida espiritual (moral, relixión, arte, filosofía...) o máis importante, senón as formas de produción material ou traballo. Pero a formulación máis precisa do materialismo histórico fixoa Marx no prólogo á Contribución á crítica da economía política O Materialismo Histórico é unha TEORÍA CIENTÍFICA sobre a Historia e a sociedade humana. A tese central desta teoría sería que: non son as ideas as que dirixen a historia, senón a produción material. O ser humano fai a Historia e non a Historia ó ser humano, como afirmaba Hegel. O máis importante da Historia é a vida material, o que producen e como o producen os homes.
A Historia está dirixida, polo tanto, pola produción material, e a historia humana redúcese en último termo á sucesión dialéctica dos distintos modos de produción: asiático, antigo, feudal e capitalista. Cada MODO DE PRODUCCIÓN está formado por unha INFRAESTRUCTURA ECONÓMICA e por unha SUPERESTRUCTURA. A Infraestrutura está formada á súa vez polas Forzas de Produción e polas Relacións de Produción. A Superestrutura está formada pola Estrutura Xurídico-Política e pola Estrutura Ideolóxica. A tese básica do Materialismo Histórico é que en cada época a infraestrutura determina ou condiciona a superestrutura.
A produción material condiciona a produción espiritual, pero isto non se debe entender de forma unilateral, xa que a superestrutura pode influír sobre a base económica, (un claro exemplo témolo na influencia da relixión no sistema feudal) aínda que a economía é determinante en última instancia. O factor de cambio histórico é a contradición dialéctica entre forzas produtivas e relacións de produción. Avanzan máis as forzas produtivas que as relacións de produción, dando lugar a unha revolución social e con elo unha nova formación social. Así, a Historia é o desenrolo dos distintos modos de produción e cuxo motor é a LOITA DE CLASES.
En cada modo de produción existen dúas clases antagónicas: os explotados e os explotadores. Clase social en sentido marxista son grupos sociais (con intereses comúns) antagónicos que se definen en función do lugar ocupado no proceso de produción. Marx descubriu a vinculación que gardan as loitas de clases con determinadas fases históricas de desenvolvemento da produción. A Historia enteira resúmese na historia da loita dialéctica destas dúas clases: burguesía e proletariado, aínda que é no sistema capitalista onde se da de forma máis clara a contradición entre ambas.
Marx dedica todo o seu esforzo a concienciar á clase proletaria porque pensa que a Historia aporta as condicións entre as clases explotadora e explotada. Para Marx, o CAPITALISMO non é unha etapa definitiva no proceso dialéctico da historia, é un tránsito cara a o socialismo, comunismo: onde xa non hai propiedade privada. Do mesmo xeito que a escravitude levaba dentro de si as contradicións que posibilitaron a súa superación, o capitalismo leva dentro de si as contradición que tamén o farán desaparecer.
Podemos resumir o que dixemos en tres teses: 1º) O factor determinante da Historia o constitúe a relación entre forzas produtivas (traballo real dos homes) e as relacións de produción (relación entre traballadores e propietarios). A Historia consiste no proceso real da produción material da vida. O motor da historia é a contradición entre forzas produtivas e relacións de produción, é dicir, a loita de clases. 2º) Na Historia dáse unha relación dialéctica entre Infraestructura e a Superestructura, si ben o fundamento económico constitúe, en última instancia, o principio de explicación. 3º) O fin ó que se dirixe a Historia é a desaparición de clases e a instauración do comunismo.
IDEOLOXÍA EN MARX (Importante) O concepto de ideoloxía ten dous sentidos en Marx: - Positivo e amplo: refírese en xeral ás distintas formas de conciencia da superestructura (Filosofía, Relixión,...). - Negativo e pexorativo: é a acepción técnica máis importante do pensamento de Marx. En sentido estrito sería unha representación falseada dunha realidade ante a conciencia, en virtude duns intereses de clases. Sería por tanto un produto da mente humana ou unha forma de conciencia deformada. O fundamento da existencia das ideoloxías está formado pola división de traballo e a propiedade privada dos medios de produción. Agora ben, que papel desempeña a ideoloxía na sociedade?
A ideoloxía que predomina nunha sociedade é a ideoloxía da clase dominante. Esta que posúe os medios de produción, reflexa a súa situación social e elabora inconscientemente una teoría acerca da sociedade e o home, e esta teoría ten un carácter ideolóxico, é dicir, deformado. Esta teoría a elabora para xustificar os seus intereses, o modo de produción existente e o dominio de clases que prevalece. A Ideoloxía expresa como valores universais o que é unha expresión dos intereses da clase dominante. Nese sentido, Marx vai a dicir que a economía política clásica é unha ideoloxía, xa que é unha xustificación do capitalismo e dos intereses da clase burguesa.
A crítica marxista ás ideoloxías consiste nunha desmitificación dese idealismo inxenuo que considera que as ideas e os valores proceden dun pensamento inmaculado dos filósofos. Para Marx as ideas e os valores que o ser humano vai adquirindo ó largo da súa vida, non son algo neutral e independente da situación económica na que creceu; son o reflexo da realidade material na que vive. As Ideoloxías son formas sistemáticas de crear falsa conciencia da realidade, de deformación consciente da verdade e de lexitimación enganosa dun orden político, económico, xurídico e social inxusto.
A súa función é a de lexitimar a situación de explotación e de alienación das clases traballadoras de cada sociedade en cada momento histórico. A conciencia, en Marx, está determinada socialmente e historicamente polas estruturas económicas e en ningún caso é autónoma. MARX (texto 2) A ideoloxía alemá. En completa oposición á filosofía alemá, a cal descende do ceo á terra, erguémonos aquí da terra ao ceo.
É dicir, non se parte daquilo que os homes din, imaxinan ou se representan, e tampouco dos homes ditos, pensados, imaxinados, representados, para dende aí chegar aos homes de carne e óso; pártese dos homes realmente activos e con base no seu real proceso vital, preséntase tamén o desenvolvemento dos reflexos e ecos ideolóxicos deste proceso de vida. Tamén as imaxes nebulosas no cerebro dos homes son sublimacións necesarias do seu proceso vital material empiricamente constatable e ligado a precondicións materiais. A moral, a relixión, a metafísica, e a restante ideoloxía, e as formas da consciencia que lles corresponden, non conservan así por máis tempo a aparencia de autonomía.
Non teñen historia, non teñen desenvolvemento, senón que os homes que desenvolven a súa produción material e o seu intercambio material son os que, ao cambiar esta súa realidade, cambian tamén o seu pensamento e os produtos do seu pensamento. Non é a consciencia a que determina a vida, senón que é a vida a que determina a consciencia. No primeiro modo de consideración pártese da consciencia como individuo vivo; no segundo, que corresponde á vida real, pártese dos mesmos individuos vivos e reais e considérase a consciencia unicamente como a súa consciencia. K. MARX / F. ENGELS; A Ideoloxía alemá (1845/46), Tomo I, I. A.
[1.] (A ideoloxía en xeral, nomeadamente a alemá) Tema texto 2: En contraste co Idealismo alemán o marxismo é unha filosofía que vai da terra ao ceo. Non admite a especulación senón que parte do que realmente ocorre coa actividade humana. Todos os produtos ideolóxicos dependen da produción material de forma que, ao cambiar esta, cambian aqueles. As ideas (consciencia) non determinan a vida senón ao revés a consciencia é enteiramente dependente dos individuos reais e do que lles acontece materialmente. .
O MARXISMO DESPOIS DE MARX A obra de Marx tivo unha enorme repercusión social ao inspirar as revolucións e movementos obreiros no mundo.Asúa obra é a fonte das revolucións socialistas como a rusa. Tamén inspira a revolución cultural de Mao en China e as revolucións en América Latina... E tamén influirá na formación do estado do benestar dos países occidentais. Desde o punto de vista teórico despois de Marx é un lugar común distinguir entre marxismo ortodoxo e marxismo heterodoxo ou crítico. O primeiro é a interpretación literal da obra de Marx e constitúe a doutrina oficial dos países chamados comunistas. En canto ao segundo destacan membros da Escola de Frankfurt como Adorno ou Marcuse.
Estes autores recuperan o marxismo desde unha óptica crítica ao estimar que o marxismo dos países do Leste derivou nun totalitarismo (Stalin). Pero ao mesmo tempo adoptan o método marxista para analizar a sociedade capitalista moderna e denunciar a explotación e destrución do planeta ao facer do consumo o motor da economía. Consideran que o capitalismo moderno creou, a través da publicidade, a identificación de felicidade e consumo que leva á clase obreira a aceptar condicións de explotación no traballo co obxectivo de acceder a bens de consumo. Unha sociedade así só leva á carencia de liberdade, explotación e infelicidade.
Por iso os integrantes desta escola seguen crendo na necesidade dunha revolución para construír un mundo máis xusto que identifique o progreso coa liberdade e non co consumo e o despilfarro que só produce miseria, desigualdade e destrución do medio natural. A filosofía dos integrantes desta escola, especialmente Marcuse, serán a fonte de inspiración do famoso maio francés do 68 e as súas esixencias de liberdade.